Presentación do Campionato Galego de Contrareloxo, que se disputará en Baños de Molgas
O Concello de Baños de Molgas acollerá o Campionato Galego de Contrareloxo, o vindeiro 17 de maio. A presentación tivo lugar esta mañá no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» coa participación do presidente da Fundación Ado-Moure Pro Deporte, Carlos Moure, o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Carlos Muñiz; en representación da Xunta de Galicia, Manuel Pérez; e o alcalde do Concello de Baños de Molgas, Xaime Oscar Iglesias
A proba deportiva organizada polo Club Ciclista Ourensán e a Asociación Ado-Moure, comezará ás 10.00 horas, na Estación Albergue Turístico Moncho Borrajo, e rematará no polideportivo municipal de Baños de Molgas, ás 14.00 horas. En canto ao percorrido, Carlos Muñiz explicou que se trata «dun circuíto de 15 quilómetros, onde participarán máis de 250 corredores, dos que sairán os campións de Galicia da disciplina de contrareloxo individual».
Bernardino González destacou o labor da Deputación de Ourense de promover este tipo de iniciativas «que poñen en valor non só o deporten, senón tamén os lugares onde se celebran, neste caso, Baños de Molgas». Asemade agradeceu á Federación Galega de Ciclismo, «que se decidiran pola sede de Ourense para realizar esta proba que resulta moi atractiva tanto para os deportistas, como para os afeccionados».
Pola súa banda, o alcalde de Baños de Molgas lembrou que durante o desenvolvemento da proba realizaranse cortes nas estradas «que dificultará un pouco o desenvolvemento diario durante esas catro horas, pero ao finalizar darémonos conta de que mereceu unha pena e será unha festa para o ciclismo e para o municipio».